sábado, 27 de octubre de 2012

Samaín e Magosto

Tiñamos pensada a festa do Samaín para a tarde do vindeiro mércores, no seu día, pero na Asociación Vidense xa tiñan preparada unha Festa do Magosto para o domingo pola tarde e ao final decidimos unir Magosto e Samaín nunha sóa celebración de toda a parroquia, así que mañán domingo, ás 5 da tarde, a Biblioteca A2 da Unitaria de Vide e a Asociación Cultural Vidense convocan a todos os veciños videnses, nenas, nenos e maiores a unha Festa Popular  na Casa da Auga  do Samaín e Magosto.
Haberá obradoiro de caveiras e maquillaxe, xogos e castañas, chourizos e por suposto cantos. As pandereteiras e pandereteiros pequenos, ós que chamamos Saíñas, terán unha actuación estelar, que despois de estrenarse no Serán de Barcela, adoecen por "actuar" e recibir aplausos.
Onte, venres, a escola converteuse nun campo de batalla con todos os nenos e nenas valeirando cabazas e as nais e pais axudando, para telas preparadas para o domingo.



Antes de marchar aínda nos deu tempo de recoller as sementes para a nosa veiga, comer a "chulas de cabaza" que nos preparara a avoa de Samara  e repasar a canción do Samaín:
"Cando o reloxio marca a unha, un esquelete sae da tumba.
Tumba por alí, tumba por alá,
tumba, tumba, 
JAJAJAJAJAJA.


Ah! e deixar preparados os libros de medo para levar á Biblioteca da Casa da Auga e expoñer na Festa.

Formación de usuarios

Esta semana tocounos "traballar" nos andeis da biblioteca de
 "Contos para que me leas" e
 "Contos do meu contorno".
Logo de estar todo o mes na "rebusca" na biblioteca, xa parece que todos, pequeniños e máis grandes, se moven de novo con soltura a lo menos na zona de ficción infantil, recuperado a memoria dos libros que máis lles gustaron e descubrindo novas lecturas.
Antonte Iago, de 5 anos, que o curso pasado quedara prendado co nome dunha editorial: "Patasdepeixe", propuxo  buscar os libros que tiñamos desa editorial na biblioteca, en calquera andel. E cando xa  enfilaban cara alí, Alba parounos a todos :
-Profe, profe, que van mal, que primeiro hai que  ver no PA!!!
NO PAA?
Ata eu quedei mirando para ela desconcertada.
- Si, profe, pon o encerado que hai que buscar no PA- insistía Alba.
Entón caín na conta: o que Alba nos estaba a dicir era que conectara a PDI- o encerado- e buscármos no OPAC de Meiga.
Eu non daba creto. Albiña recordara o traballo do curso pasado, cando entrabamos no OPAC para comprobar/xogar a buscar un libro, unha editorial, unha materia......
Buscamos no OPAC,  atopamos 5 libros de Patasdepeixe e logo localizámoos nos andeis correspondentes.
 Despois Alba - a miña  heroína- leeulles a todos o conto  "A vaca que puxo un ovo", e seguimos traballando.
Eu marchei para casa tan contentiña, tan contentiña, que aínda hoxe non se me quitou a cara de felicidade.





viernes, 26 de octubre de 2012

O vello e a margarida

O mes de Octubro é o mes das Bibliotecas escolares, e nós queremos agasallar á nosa con este conto de vellos e flores, de bibliotecas e bibliotecarias, de buscar e atopar. Ë unha adaptación en galego do conto "El viejo y la margarita", escrito por Roberto Aliaga e ilustrado por Burudi, que se publicou na Editorial Narval, lamentablemente, só en castelán.


martes, 23 de octubre de 2012

Bibliotecarias

No día das Bibliotecas Escolares achegamos tres preciosos libros da Editorial Juventud, que tratan de tres historias reais, de bibliotecarios e biliotecarias que nos recordan quen somos e por que facemos o que facemos.


"Biblioburro"



La señora de los libros "

















"La bibliotecaria de Basora "


lunes, 22 de octubre de 2012

Biblioteca

Octubro tamén e  o mes no que "estudiamos" a Biblioteca.
Comenzamos polo andel de "LIBROS SORPRENDENTES" e durante dous días OHHHH! e AHHHHH, foi o que máis se escoitou na escola, claro que tamén: AMOODOOO!!!, porque algúns son de "mírameenonmetoques" e tocar hai que tocar, que para iso os temos na Biblio.

Despois de tanta "sorpresa" pasamos ao andel que ten o P, p e pequenos. Son os libros con tapas e páxinas duras, onde os máis pequeniños que entran na escola escollen fundamentalmente os libros que van levar para o "conto de pola noite", porque os poden manipular sen medo e sen tanto cuidado.
E durante dous días foron os protagonistas do traballo escolar: escoller, colocar, recordar, encontrar, compartir, aprender a colocar o libro no andel, pedirllos prestados á Biblioteca para facer unha exposición na clase.... e sobre todo redescubrir libros que xa non recordaban o marabillosos que eran.
Foi o caso dos libros editados por Kalandraka: "Crocodrilo", "Lúa" ou "Paxariña de papel" de Antonio Rubio e Oscar Vilán , convertidos nos novos "bet-seller" da Biblio.

Xa traballamos tamén os "LIBROS PARA LER SÓS OU SOAS" e con eles entramos no autor e autora, na editorial, no título..... e un xogo  que está tendo moito éxito: atopar o "libro precioso" que estaba agachado, con el  volvímonos a reencontrar con "Confundindo historias" de Rodari, editado por Kalandraka, o que nos permitíu encher a escola de risas.



e continuará.....

jueves, 18 de octubre de 2012

Outono

Octubro sempre é un mes tan cargado que sempre "algo" queda sen facer. Temos o Outono, que nos chama cada vez que miramos para fora, o día das Bibliotecas Escolares, que non podemos deixar pasar, e por si fora pouco o Magosto e o Samaín, que o darse a primeiros de Novembro, toca preparalo agora. Este curso , gracias a una "hábilidosísima programación", esperamos non deixar nada no tinteiro.
Comenzamos polo OUTONO e aproveitando os primeiros días,que non choveu, percorrimos os arredores da escola para apañar noces na nogueira de Camilo, ourizos e castañas no "noso" castiñeiro, uvas de Xaque que quedaran sen vendimar nas videiras de Maruja, millo da tía de Noa, cogumelos na veiga da avoa de Alba, landras no monte e unha cabaza na nosa veiga. Tamén follas secas, moitas follas secas de todas as formas, tamaños e cores. Logo escollimos os mellores exemplares e preparamos unha MESA DE OUTONO que quedou ben linda. E como tiñamos tanto material aproveitamos para traballar e traballar: contamos, comparamos, pintamos e escribimos palabras ben difíciles, e se non o credes preguntadelle a Noa que cando se enterou que unha noz se escribía NOZ, e si eran moitas escribíase NOCES, e non NOZES, pasou media mañán queixándose:
 - Isto é moi raro, mooooooi raaaro!!!- mentras Alba lle dícía: - Non é raro, é DIFÍCIL, DIFÍCIL, DIFIIIICIIIIL.
 E Brandán, o pequeniño, sempre tan alegre, non paraba cantar: FI SI SIL!!!, FI SI SIL !!!
Magoa que chegou a chuvia e non pudemos asar as castañas .
Pero as NOCES comímolas todiñas!.

lunes, 8 de octubre de 2012

jueves, 4 de octubre de 2012

O gato lambón

Dicía onte que traballar en clase con "O gato lambón" é unha marabilla. Pois sí.

A historia deste gato que se vai "merendando" a todo o que  atopa por diante cun  texto encadeado moi doado de memorizar polos nenos e nenas, que tamén se presta moi ben á dramatización, serviunos para facer xogos matemáticos, traballar letras , palabras e onomatopeas, inventar frases, contar paxaros e cativas.... e así un sin fin de actividades.

Ata inventamos un xogo:

Eu teño un gato que vai para arriba.
Eu teño un gato que vai para abaixo.
Para arriba, arriba, arriba.
Para abaixo, abaixo abaixo.

Eu teño un gato que vai para adiante....

Non podía faltar unha cantiga, polo que recuperamos a de "Eu tirei un pao ao ga-to-to"
E por si fora poco, vía o Ceip Castrillón atopamos un video do conto, que podedes enlazar AQUÍ.

Como podedes comprobar, con este conto estivemos ben ocupad@s.





miércoles, 3 de octubre de 2012

Xa estamos aquí

Dixemos que comenzabamos co blog a primeiros de octubro, e vai.
Este curso na escola de Vide somos 18 - contando á mestra- e da gusto ver o patio da escola cheiño de nenos e nenas xogando, e non digamos a aula.
Aquí están:

 O primeiriño de todo foi ir ver os restos da veiga - todo sequiño- pero os xirasoles estaban cheos de pipas, e a por elas fomos.O aguacate medrara un montón e o castiñeiro de indias tiña estrado todo o patio con castañas das bruxas. Recollímolas e fixemos monecas con elas. Tamén fomos ver as viñas da avoa de Alba, listas para vendimar e á avoa e pais de Samuel vendimando na veiga do lado.

Logo de andar por fora, tocou andar por dentro, e a biblioteca prestouos o primeiro conto para axudar a "presentarnos uns aos outros". Por aclamación popular o conto escollido foi....si, ese, COCORICO!!!!!
e OUTRA VEZ MÁIS, cantamos xogamos, escribimos, pintamos...e enchémonos de pitos, galiñas, gatos pelados e biscoitos. Por certo, fixemo un biscoito que nos saíu rico, rico- e escaso, escaso-. Agora xa abandoamos a Cocorico, pero quedamos co gato, esta vez lambón.

 A verdade que o conto "O gato Lambón", é unha marabilla para traballar na escola, os nenos e nenas están emocionados e eu encantada co partido que lle estamos a sacar, pero iso contareino mañán.

 O que si teño que contar hoxe é que este ano, como a meirande parte do alumnado e familias son "vellos" a biblioteca abriuse xa o primeiro día co "Conto de pola noite" e  xa empezamos tamén  coa "Hora de ler", aínda que os pequerrechos siguen a procura da sua "pose lectora" e os maiores, que veñen moi reivindicativos, non fan máis que queixarse do "pouco tempo que nos das profe"

En fin, aquí estamos.
E seguimos estando.