jueves, 29 de marzo de 2012

En marzo pintando

Este marzo pintamos con Velázquez e Van Gogh.

De Velázquez foi o cadro das Meninas o centro do noso traballo, e deste cadro a infanta Margarita, a protagonista indiscutible.
Fixemos este video para poder coñecer distintos retratos da infanta feitos por Velázquez e outros pintores, e un boletín da Biblioteca no que recollimos a información traballada.

martes, 27 de marzo de 2012

primavera na veiga

Levamos todo o mes preparando os alcoubes para sementar tomates, pementos, herbellas e xudías na veiga. Agora tocaba prepara a terra, pero había que cavar moito nela, por iso pensamos que era mellor fresala. Dito e feito.
Hoxe Bea, a nai de Noa, sorprendeunos aparecendo coa fresadora, e nun periquete deixou a veiga lista para a primavera.




Tamén fresou un anaco de terra para que plantaramos nela os xirasoles de Van Gogh. Mañán o faremos, pero o resto deixámolo para despois das vacacións de Pascua.

lunes, 26 de marzo de 2012

Festa Bibliotecaria

O pasado sábado recibimos a visita dun grupo de amigos e amigas responsables de bibliotecas escolares galegas.
Supón sempre  unha visita moi especial e esperada.
Porque abrir a nosa escola á súa mirada  xenerosa, ás súas apretas e comentarios,  é recoller  azos para o resto do ano.
Porque encontrarme FISICAMENTE coas súas miradas, recibilas e devolvelas  sentindo como compartimos un xeito de entender o ensino e a escola pública, retórname ao resto do mundo.

Porque para a "comisión da Biblioteca ", o grupo de mulleres nais/avoas/viciñas da escola que o longo destes anos de Plambe se teñen convertido nas miñas "compañeiras" dispostas sempre a emprender calquera traballo bibliotecario apoiando e levando adiante calquera actividade da escola- e sempre na boca un cantar- esta visita supón VISIBILIZARSE diante doutros mestres e mestras que saben  recoñecer  o seu labor , a importancia  e valor do seu traballo.
E foi un día de festa. QUE FESTA!
Dende ben cedo a "Comisión de Biblioteca" non parou, entre limpezas , olas, potas e  sube e táboas para facer mesas. Pero A Casa da Auga lucíu magnífica. Cando as mesas comenzaron a encherse coas fontes de lamprea rechea que prepararan Pilar, Tereixa, Geni e Isabel, as tortillas de Sara, Rocío, Ana e Bea, os pementos recheos de Paqui, as empanadas de Mónica, Digna ou Nuria, o pastel de verduras de Estefanía, os entrantes de Sita, o viño de Linda, os postres  de Fina, Vanesa, Geni, Rocío, Sandra ou Fátima, o licor café de Lurdes...... todo quedou listo para recibir aos nosos invitados e invitadas que  chegaron cargados de  agasallos- bandexas e caixas de galdrumas e bombóns aderezados de poemas que hoxe foron a ledicia dos nenos da escola- .
Parecía unha voda.
E como nas vodas comimos, cantamos e bailamos, pero sobre todo disfrutamos do pracer da compañía.

A noitiña, cando xa os invitados retornaran ás súas casas, quedamos nós, a comisión de Biblioteca, a saborear o día.
E a cear, que tocaba "revoda".

AQUÍ  o enlace ao álbum de fotos de Emilio

AQUÍ  un enlace a unha presentación feita por Loly

AQUI un enlace ao video de Emilio  das "cantareiras"

AQUÍ  a preentación/recopilatoria feita por Charo














martes, 20 de marzo de 2012

Velázquez, recursos para infantil

Na Unitaria de Vide EN MARZO PINTAMOS.
Neste curso, ademáis de Van Gogh, escollimos a Diego Velázquez e o seu cadro de As Meninas.
Este é o enlace á páxina de recursos que preparamos.

Preme na imaxe

miércoles, 14 de marzo de 2012

Aguacates

Xa levamos uns días preparando alcouves: de tomates, pementos.... Hoxe tocou preparar noces de aguacate

Espichamos tres palillos en cada noz e logo colocámolas en tarros con auga, na ventá que da ao norte, para que teñan moita claridade pero non sol.

En Vide, como xa sabedes danse moi ben as árbores "que non son do país": caquis, feixoas, quiwis, xuxús, maracuyás.... e sobre todo os aguacates, árbores frondosos de brillantes follas verdes que agora están cheíños de deliciosos froitos.

Como había algún dos nenos da escola que non recoñecía o aguacate pola semente, buscamos en Google imaxes da árbore e do froito, pero logo decidimos facer unha saída ata Chan de Vide, pois alí Tereixa da Regueira ten un enorme aguacate rebordando de froitos.

Recollimos os maduriños que caíran ao chan e levámolos para a escola.
Probalos foi un "experimento" par algún dos nenos, aínda que eu os animaba dicíndolles o rico que sabían, algúns como Noa e Soraya explicáronme polo miúdo que NON LLES GUSTABAN!!!!! e correron a cuspir o seu anaco en canto puideron.

O de probar novos sabores éche un bo problema......




martes, 13 de marzo de 2012

Paxaros

Noa víñanos pedindo dende había varios días que foramos ata a súa casa, que tiña POMBAS DA PAZ.
Bea, a súa nai, propúxonos unha pequena excursión: ir ata Mirenciños, visitar a finca de José de Anselmo, que ten moitos paxaros nunhas enormes gaiolas, e logo ir ata o "campo do cego" onde ela nos invitaría a un pequeno almorzo e poderíamos ver as pombas  de Noa.
Meu dito meu feito. O venres alá fomos.
Quedamos abraiadas ao ver as gaiolas de Pepe, pero tamén cos coellos e o loro que tiña María do Farruco, a súa veciña. Na casa de Noa comprobamos que si, eran pombas da paz- igualiñas igualiñas que as que pintamos nós, dixeron todos os nenos- e  de remate churros, empanada e galdrumadas variadas, que fixeramos un longo camiño e tiñamos que alimentarnos.
Moitas gracias Bea.
E gracias a Rocío a nai de Alba, esta vez temos un video "pequeniño" de cando saiamos da escola para comenzar a excursión.

Aquí esta:

miércoles, 7 de marzo de 2012

A PROL DAS NENAS

Este é o nome dunha colección de contos creada por Adela Turín, unha muller pioneira en literatura infantil alternativa.
Dentro da colección destacan:
 Arturo y Clementina.
Una feliz catástrofe.
Historia de los bonobos con gafas.
Rosa Caramelo

Adela Turín proponnos uns modelos de contos e situacións diferentes, tomando partido polas nenas.
En España foi editada esta colección por Lumen a partires do ano 1988, e hai uns anos volveu a reeditar, de todos os xeitos non é doado atopar algúns dos contos.

En Vide, Arturo e Clementina, son dúas tartarugas ben coñecidas, e en canto chega o bo tempo todos os anos  nos achegamos  ata A lagoa do Inferno, para ver si saudamos a Arturo, que Clementina hai anos que marchou a recorrer o mundo, de feito mandounos unha carta dende Venecia.

Este curso, polo 8 de marzo, imos traballar "Rosa Caramelo", para iso temos feita unha recopilación de recursos no noso  blog Contos para ver e ler

martes, 6 de marzo de 2012

Pandeiros

¿A quen lle gustaría ter a oportunidade de aprender a construir o seu propio pandeiro?

Ás pandereteiras de Vide, por suposto.

Así que o  pasado sábado, organizadas en dous grupos: mañán e tarde, a Unitaria convertiuse en obradoiro de instrumentos tradicionais, no que 17 mulleres de Vide construimos o noso propio pandeiro.

Agora queda a segunda parte: aprenderr a tocar o pandeiro, pero seguro que non tardaremos en "dominar o instrumento".




jueves, 1 de marzo de 2012

Na radio

Temos un segredo.

E hoxe vouvolo contar.

Estamos preparando un programa de contar contos para Radio Arbo.
O primeiro conto vai ser Cocorico, e hoxe fumos pola tarde ata Arbo para gravar as voces .
Quen ben o fixeron!!!
Noa, Alba, Iago, Soraya e Antón parecían verdadeiros profesionais: tranquilos, atendendo ás indicacións..... tan ben o facían que as veces se nos escapaban os aplausos!
Cando fagamos a montaxe tentarei facer un video para que ALUCINEDES.
E seica lle soubo a pouco porque de volta para Vide, Noa e Soraya, que ían no coche conmigo, non paraban de preguntar:
- Profe, cando volvemos ?


ESTES PEQUENOS PODEN CON TODO!!!!

Día de Rosalía

Na Unitaria de Vide tamén celebramos o 24 de Febreiro o Día de Rosalía.



Falamos, recitamos poemas, fixemos un puzle coa súa fotografía, memorizamos un anaquiño do poema "Teño tres pitas brancas" e saímos a recoller mimosas para facer un ramiño que logo regalamos a cada unha das nais/pais xunto cun conto.

Festa de Entroido

A festa de Entroido foi unha festa de pallasos, non podía ser doutro xeito. Si ata ía de pallasa Lola a esqueleta!.

 Disfrazámonos to@s na clase coas camisas  que pintaramos coas mans, os lazos, a peluca azul, unha vara con globos e a cara pintada de Charlie Rivel, e por si isto fora pouco, unha sorpresa: a uñas pintadas de azul, como o pelo.
Apareceron uns maruxos para nos acompañar no noso paseo ata Chan de Vide: unha pallasa "pija", un zombi, varios pallasos divertidos, un Napoleón que parecía un domador e ata un médico!

Na Chan de Vide xogamos as carreiras de sacos e reímonos un montón, sobre todo cando corrían as mamás e os papás.
Logo, de volta na escola, nais, pais, nenos e nenas e mestra, degustamos unha comida exquisita que nos tiñan preparado as nais e os pais. De postre orellas, claro.
Que boa festa de Entroido nos saíu!!!!