viernes, 25 de febrero de 2011

Romance do tesouro da escola de Vide

Ao remate , recordamos que somos ceg@s cantores e que a nosa aventura ben se merecía tomar forma de romance e ser levada por todos os lugares da parroquia.
E do mundo .




Aproveitamos para sacar copias en cuartillas coa copla, poñelas nun cordel e vendelas a un céntimo ás "persoas" que viñeron pola escola.
Vendímolas todas.

Estamos feit@s uns cegoscantor@s de campeonato!!!

jueves, 24 de febrero de 2011

Tesouros sen piratas


Esta semana seica os cegos e os seus cantos están de "capacaída" pois os tesouros enterrados subiron ao primeiro posto da lista de intereses colectivos.

Foi Mateo quen sacou o tema na roda.

- Estou facendo un mapa do tesouro- dixo- e a mestra picando, contestou:
- Uauuuuu!!!! Mateo ten un tesouro!!!!!!!

E a partir de aí, tesouros, ouro, pesetas, enterrar, mapas.......
Xa compuxemos un tesouro- unha sesión para definir "tesouro"- gardámolo nunha caixa, buscamos o lugar para agachalo e enterrámolo.

Por suposto temos un mapa para poder recuperalo.

O realmente dificil, dificilísimo, no que tiven que poñer en práctica o aprendido en todos os meus sexenios foi CONSEGUIR QUE NON SE FALARA DE PIRATAS

E non se falou, polo menos o suficiente para despertar interés.
Diredes:

- E por que non se podía falar de piratas?

Pois porque xa temos decidido o disfraz de entroido- cegos ,claro está- e só faltaría que a estas alturas se ilusionaran cos piratas. Era o que me faltaba!



martes, 15 de febrero de 2011

COUSAS DA VIDA

Víñanos a visitar O cego do Couso - o noso bo e xeneroso amigo Benito Lobariñas- coa súa zanfona.
A data anunciada era o mércores á 1 da tarde, e xa se estaba organizando a comida, a festiña...o aviso a tías, avoas e veciñanza, porque había moitos anos que por estes lares non se escoitaba un cego cantando os seus contos.

Era luns, 14 de febreiro ás 13 horas.
Petan na porta da escola.
Ábrese a porta e....




-O cego Florencio, o cego Florencio!!!, berran @ nen@s.

A mestra non se entera porque xace no chan desmaiada de desesperación ao se decatar que se confundira de día.
ERA O LUNS, NON O MÉRCORES!!!!!!!!


Pero o Cego do Couso estivo na nosa escola, coa súa zafona e os seus cantares, e xunt@ cantamos- catro veces- o romance do testamento do gato, que de verdade verdadeira soa de marabilla cando se acopaña da queixa da zanfona.

Chega a hora da saída.
@s nen@s saen berrando:
- Estivo o cego Florencio!!!!!
As nais e pais : ollos abertos, mirada interrogante.


A mestra volve a estar desmaiada no chan.






lunes, 14 de febrero de 2011

Hei de estar alí

Preme para escoitar:












Non che prometo amor
falar do que non sei
mais se as mans che enfrían
hei de estar alí

Non sei dicir mentiras
falando de amor
mais se faltan as forzas
hei de estar alí

Preguntas polo amor
non me atrevo, non sei
mais se todos marchan
hei de estar alí

Queres falar de amor
que eu non sei dicir
mais se todos calan
hei de estar alí

Cantei coplas de amor
con palabras segredas
mais se ti mo pides
hei de estar alí


Leilia. Madama.
Tradicional/ Arranxos: Xoán Porto

jueves, 10 de febrero de 2011

Mini e Mero

Cando comenzamos a procurar información sobre os cantares de cego atopámonos con Mini e Mero, mestres rurais cofundadores de Fuxan os Ventos e A Quenlla, que tiñan feito unha formidable tarefa de recolleita e recuperación destes cantares. Ao seu traballo accedimos a través de O canto do pobo, pero hoxe Estefanía, a nai de Mateo, trouxonos dende a Biblioteca do Instituto de As Neves os dous libros, cos seus Cds, que recollen este inxente traballo recopilatorio. Xa temos para estudiar un cento de anos.
Agora, a aprender deles:

martes, 8 de febrero de 2011

E vai de cegos


Definitivamente quedan abandonados os gatos, que polo que parece nesta escola só interesa saber do gato Turulato e dos cegos que cantaban contos.
Agora, entre as obrigas do encargado de día, está a de se converter en cego cada mañán e contarnos, cantando, o conto.
E entre as miñas, está a de aprender cousas novas cada noite sobre este xeito de tradición oral. Un descubremento para tod@s, para o alumnado e para min.

Aquí , atopei información sobreo "Os cegos cantores"
e vía Facebook cheguei a este triste poema da cega de Miranda-anos 50, Castroverde, Lugo-

Perdín a vista querida,
apagouse a miña vela;
para min sempre é de noite
¡Vaiame a Madalena!

Perdín a vista querida,
a prenda que mais valía;
non me queda que perder
astra que perda a vida.

Vou ganando o meu panciño
facendo mofa de min;
as miñas bágoas por viño
miña dor por violín.

Veñan señores e escoiten
farei que esquezas as bágoas
que eu sei os cantos mellores
e as historias mais estranas.

Como sin saber qué como
e astra non son reparado
que a miña fame non compre
distingui-lo bon do malo.

Morrerei calquera noite
cá miña noite mais crara;
cecais no cumio dun monte
os corvos faranme a cama.


domingo, 6 de febrero de 2011

Cantares de cego

Íamos de gatos, pero estamos quedando nos cantares de cego. Só nos falta o violín. O demáis xa o temos.

Estamos a aprender un pouco máis sobre os cantares de cego e sobre O señor Florencio, a quen ademáis de voz xa lle puxemos cara gracias a este vídeo:



E co "cego" Luis o Caruncho e o seu moinante Bieito, decatámonos que os cegos levan axudantes, que pasan o sombreiro, e que uns levaban violin, pero outros tocaban a zanfona. E aquí paramos, que estamos a ver si conseguimos unha.






Tamén vía o Segrel do Penedo, para aprender e pasolo ben, temos este vídeo dun obradoiro que sobre Cantares de cego deu Antón Castro no IES de Fene.

jueves, 3 de febrero de 2011

Lola a esqueleta

Cando Erika rompera o brazo, aproveitaramos para"investigar" nesa rompedura, e logo de descubrir o cúbito e o radio collemos carrerilla e seguimos cos ósos máis importantes do corpo humano. Daquela encargaramos un esqueleto "auténtico" pero como non daba chegado conformámonos cun esqueleto "dixital", que aínda que somos da aldea estamos "á última".
Ah! pero a semana pasada, Edorta, o pai de Mateo, deixou na escola unha enorme caixa-maleta chea de ósos e cun libriño onde se explicaba como montar o esqueleto.
Non era doada a encomenda, e de tod@s é sabido a pouca maña da mestra en menesteres de montaxes varios.
Deunos a vida que as dúas especialistas "bricolaxeiras", Sandra e Rocío ofrecéronse a quedar con nós e levar adiante o traballo.
E foi así como agora temos na escola unha nova acompañante: Lola, a esqueleta- logo dunha ardua discusión sobre si era home ou muller, acordouse por votación que era muller-.

Aquí queda a testimuña do evento:


miércoles, 2 de febrero de 2011

De gatos

Este mes imos de GATOS.

A nosa cantiga vai ser "O testamento do gato", recollida ao Cego dos Vilares



e aquí vai a letra:

Estaba o señor gato
nunha silla ben sentado,
chegoulle a gran noticia
que había de ser casado
cunha gata montañesa
que tiña os seus cen ducados.
O gato con tanta risa,
caeu do tellado abaixo,
rompera sete costelas
e a puntixiña do rabo.
Mandaron chamar ó cura
e xuntamente ó escribano,
pra facer o testamento
do moito que había roubado:
Cen varas de longanizas,
outras tantas de pescado,
trinta quilos de pescado
e quince de pan de millo,
e despois cando me enterren,
non me enterren en sagrado,
entérrenme naquel campiño
e o testamento cerrado.



Aquí podedes ver o traballo realizado polos nenos e nenas do CPI Antonio Failde, co video que elaboraron.

Buscando buscando, atopamos que este romance tamén o saben noutras partes do mundo:
en Trás-os-Montes (Portugal) e en moitos países sudamericanos

E falando de gatos AQUÍ temos o conto do "Gato con botas"

Para rematar, un sorriso de gatos



martes, 1 de febrero de 2011

Día da Paz

Moitos papeliños pegamos para facer o noso conto de "Pequeno azul e pequeno amarelo", pero cando vimos o conto rematado quedamos tan contentos, que decidimos grabar as voces para contalo.
E pasámolo ben.
O problema foi facer a montaxe. Levoume o seu tempo aprender a facelo, pero ao fin, fun quen de conseguilo.

Aquí queda para que mañán os nenos e as nenas se sorprendan do ben que contan o conto e do lista que é a súa mestra.