lunes, 26 de octubre de 2009

veiga de inverno


Manuel, o pai de José Ángel pola mañán cedo falou con nós:

- Que pasa coa veiga?. Non ides traballala?. Da pena vela toda chea de herbas. Nin tan sequera limpastes os restos dos tomates e das xudias. A veiga non se pode ter asi,hai que atendela.

@s nen@s e eu mirámonos uns aos outros, sen saber moito que dicir, nin que disculpa dar.

E que nós só traballamos a veiga cando chega a primavera- dixen eu.

Entón, con moita paciencia, explicounos que a horta se traballa todo o ano, o que vai cambiando é o que se pode plantar. Agora, dixo, é tempo de plantar cebolas de inverno, fabas, que xa debían de estar postas, tirabeques, navizas...en fin, plantas que aguantan o frío e veñen para o inverno. Non é moito traballo, eu pásovos a fresadora, e así xa non tedes que cavar a terra, e traiovos as cebolas, que si queredes as poñedes con rede, como fixestes coas leitugas.

¿Como dicirlle que non?

Daquela este ano imos traballar por primeira vez a veiga todo o ano.

Nós limpamos a terra- sobre todo Mateo que os demáis tiñan poucas ganas de traballar-, Manuel fresou e trouxonos as cebolas, Isabel deunos semente de fabas e tiraveques e Tereixa ofreceunos semente de navizas.

Se non chove, esta semana a nosa veiga quedará "como Dios manda"

martes, 20 de octubre de 2009

A Meda

Dicían que pola tarde ía chover e tivemos que facer a meda a toda presa.

Fomos á procura de vimbios para atala e puxémonos ao labor.

A nosa meda é pequena, porque o noso millo era pouco, pero quedou ben dereitiña, alí chantada no fondo do patio.

Se ben có millo sabemos que facer: un, levalo a moer e facer logo un bolo de pan, e co outro facer "palomitas", non tiña nada pensado para a meda, fora da función didáctico-decorativa, ata que cando volvíamos a clase logo de facela, Elena díxome:

- Profe, e agora que vai pasar con esa palla? Non podemos estragala.

Discutimos entón que uso darlle á palla e logo de moito pensar, en contra dos desexos de Elena que seguía opinando que era unha magoa estragala e que non a comeran os animais, decidimos deixala estar para que"todo o pobo" vira o ben que sabían facer unha meda @s nen@s de Vide.


domingo, 18 de octubre de 2009

ESQUÍO

O venres, cando volvíamos á escola logo de ver os canastros paramos a ver o "noso carballo" e recoller unas landras.
Eu non entraba no corpo do fachendosa que estaba escoitando as conversas dos nen@s, moas, canastros de seis pés,canastros de catro pés, reloxios de sol......e xa ía diseñando o que iamos facer ao chegar a escola na horiña que nos quedaba.
Pero entón @s nen@s atoparon no camiño moitas piñas rilladas. ¿Quen rillaría as piñas?
Discusión, propostas varias e conclusión:

¡Os esquíos!

Quedamos tod@s caladiñ@s por si viamos algún , pero nada.
Saudamos ao carballo, que segue sen enterarse de que chegou o outono, recollimos unhas landras e seguimos camiño.
Ao pasar por diante da nogueira de Camilo eu, en vez de quedarme caladiña dixenlles:
- Se queredes podedes coller unas noces.
Entraron á rebusca e de súpeto un berro:

- ¡¡¡¡Un esquío!!!!.

E alí estaba, subidiño na nogueira, tranquilo, mirando para @s nen@s, sen inmutarse.
Tod@s berraban ¡¡¡¡Ali, alí!!!!, e o esquío seguía a mirar para eles.

-¡¡¡Tíralle unha foto, tíralle unha foto!

Sacalos de alí só foi posible cando o esquío pegou un salto e desapareceu entre as follas da nogueira.
Total que entramos na escola e nin me deixaron falar. Saray "explicoume":

- Profe, temos que ir a biblio que hai un conto de esquíos e ti nolo contas.
E Jose apuntillou:

- E ti tes que poñer no ordenador as fotos e mirámolas na pizarra.

Nin se me ocurríu dicirlle nada dos canastros. Pero.......
mirei o reloxio e souben cal sería a miña vinganza:

- Que magoa!, xa é hora de marchar. O esquío ten que quedar para o luns.

E si teño sorte, igual o luns xa non se acordan do esquío.

viernes, 16 de octubre de 2009

CANASTROS

¿Onde se garda o millo?

No CANASTRO.

Pegadiño á escola, o canastro de Teresa estaba cheíño de millo.

Teresa explicou aos nen@s:

- O noso canastro é de madeira, pero usamos os pés doutro canastro máis vello, por iso son de pedra, e temen usamos as moas.

PÉS, MOAS...dúas palabras novas.

Cando nos achegamos ata o eido do "Galiño", que tamén tiña o canastro co millo, Elena decatouse que este canastro era diferente:

- Este canastro é como o da miña avoa, ten pedra e madeira, non é como o da Teresa.

E Kike dixo:

- É máis grande, ten seis pés. O de Teresa tiña catro.

Entón Mateo falou:

- Na miña casa temos un HORREO, igualiño a ese canastro, pero non ten millo dentro, ten patacas.

Descubrimos entón que a un canastro tamén se lle pode chamar hórreo , e que se non cultivas millo podes gardar nel outros productos, como patacas.

Na casa de Felipe , a súa avoa levounos a ver os dous canastros que tiña na eira .

- ¿Sabedes o que son as moas?

-¡¡¡¡Si!!!!!!
- Hai quen lle chama TORNARRATOS porque se os ratos suben polo pé do canastro para ir rillar no millo, petan nesa pedra e caen para abaixo. E agora fíxádevos no CUMIO, ten un cruceiro, e pola outra parte un monxe, e hai outros canastros que teñen un reloxio de sol.

Entón fumos ver o canastro do "Grilo" que tiña un reloxio de sol adornando o cumio.

Atopamos a avoa de Mari , que nos dixo que tamén habia en Vide canastros de 8 pés.

- Tedes un ahí detrás, ide velo.
-¿De quen é?- preguntou Saray.
- Ai!, ese canastro é de varios, unha parte é nosa, e outra parte é do "Blanquiño"
Saray tirou da miña chaqueta :
- Mira profe, comparten. Nós tamén sabemos compartir.
E volvéndose á señora Maruja díxolle.
- Facedes moi ben. Nós na escola tamén compartimos.

E fomos ver o canastro "compartido" e contar os oito pés.

Parecía que o día dera ben de si, pero aínda nos esperaba unha sorpresa.

Pero xa volo contaremos mañán.

jueves, 15 de octubre de 2009

DEBRULLAR


O millo que recollimos da nosa veiga é pouco pero variado. Temos millo do país, millo corvo, millo do de facer "palomitas" e tamén unhas mazarocas pequenas e vermellas das que non sabemos o nome pero que seica son moi boas para a millarada, pois as ovellas gostan moito del.

Xa desfollatamos e debrullamos o millo do país. Puxémolo a secar para poder levalo a semana que ben ao muiño a moer. Tamén recollimos os cocos que plantaramos entre o millo e cortamos a palla. Deixámola á espera de facer con ela unha meda.

E mentras traballábamos aprendimos unha nova cantiga:

"Millo verde millo verde
ai millo verde millo verde
ai millo verde miudiño"

Logo fomos dar un paseo para comprobar se o "noso " carballo xa estaba perdendo as follas, que non, e aproveitamos para coller unhas noces da nogueira de Camilo e unhas poucas castañas do castiñeiro da señora Maruja.

viernes, 9 de octubre de 2009

YACI E A MONECA DE MILLO


Yaci é unha nena que vive na selva do Brasil. Ten unha moneca que ela mesma fixo cunha mazaroca de millo.
Un día agachouna na area e cando volveu a por ela non a atopou.
O que si había, era unha plantiña. ¿que pasaría?
Pasou que nacera millo.

O conto, que parece que se fixera a propósito para nós, témolo na Biblioteca A2 publicado pola Editorial Juventud.

Como a nosa Bruxa do Campanario viaxa decotío a Brasil, ninguén se extranou de que Yaci fora brasileira- xa sei! dixo Jose, Yaci é amiga da Bruxa do Campanario!- e ata houbo quen pensou que a autora era a propia bruxa.

Contar o conto, dramatizalo- é ben doado- facer unha moneca Curumín para cada un ..... foi divertido pero , mira ti, o que máis gustou foi a tartaruga, a que Yaci atopa no río cando vai agachar a moneca. Tod@s querían ser a tartaruga. Noemi explicounos que, como era unha mamá tartaruga, seguriiiiiiiisimo que era Clementina, a ex de Arturo, e todos estiveron dacordo.

Por iso o momento culminante da semana foron os videos de mamás tartarugas.

E volvendo a Yaci, Eleniña e Jose non entendían como, se Yaci enterrou unha mazaroca de millo , só lle nacera unha plantilla- a nós por cada grao de millo naceunos unha planta- e houbo unha boa discusión.


Ao final acordouse que seguro que era porque non se lle botara esterco.

E para @s tartarugueiros "La Tortuga Manuelita" da miña admirada María Elena Walsh

martes, 6 de octubre de 2009

DESFOLHAR

Ao ser Vide raiana con Portugal, as relacións familiares, personais e aínda económicas son abondosas, por iso o de "os nosos viciños portugueses"non é aquí un xeito de falar senón unha realidade de influencias mutuas que nos enchen de riqueza .

E descubrimos que "os nosos viciños" no lugar de desfollatar din DESFOLLAR, pero desfollataban de xeito parecido.

Neste video podédelo comprobar.

Chamounos a atención a canción que o acompaña e investigamos un pouqiño.

O seu título é "Desfolhada" e en 1969 , interpretada por Simone De Oliveira, representou a Portugal no Festival de Eurovisión que ese ano se celebrou en Madrid. Por certo, que no Portugal de Salazar daquela, montouse un bo lío porque na canción dise "Quem faz um filho, fa-lo por gosto"

lunes, 5 de octubre de 2009

O avó de Noemí

O meu avo ten moito millo.

Dallo de comer as pitas. A todas. Ás boas e ás malas. Tamén as galiñas.

O meu avó debrulla o millo e logo o bota na muiñeira.

É que as nosas pitas non che queren comer millo, son moi finas. Haino que facer fariña, por iso moe o millo nunha muiñeira que temos.

Logo eu collo dous canecos de millo e vou alá arriba, onda a billa, para botarlle un pouco de auga.

Removo coas mans e doullo de comer ás pitas e ás galiñas.

É así como fai o meu avó.

E como fago eu.

Esta é a historia que hoxe contou Noemi na roda.
A pregunta era.:
-Alguén quere contar algo sobre o millo? E Noemí, antes que ninguén, ergueu a man e dixo: - O meu avó sabe moitísimo sobre o millo. E eu tamén, porque mo conta todo.

jueves, 1 de octubre de 2009

DESFOLLATAR

O follato son as follas que recubren a espiga ou mazaroca de millo.
Deixar limpa de follato a mazaroca chámase desfollatar.

A nai de Elena recordaba que cando era nova, de tanto millo que tiñan, pasaban a noite a desfollatar, e falounos da xente que se xuntaba e as historias que se contaban. Pero agora, dicía, xa diso queda pouco porque se prefire desfollatar na mesma veiga, sen cortar a palleira, e así xa levas as espigas limpiñas para casa no tractor e outro día , levas a palla.

Sería por iso que nos nosos paseos atopamos veigas onde o millo fora cortado e só quedaban os cañotos - cortaron polo pé a vara enteira coas súas espigas para desfollatar na eira da casa- e atopamos outras veigas onde o millo fora apañado pero quedaba en pé a vara co follato sen mazaroca - desfollataran na mesma veiga sen cortar a palleira.

Na escola, a palabra desfollatar pareceunos moi moi complicada e tivémola que desfacer en moitos anacos.

Quedounos así:

folla

folla
TO

DES
follaTAR

Para desfollatar tiñamos o millo da nosa veiga pero Carme da Gándara, a nai de Rocío, mandounos recado de que tiña moitas palleiras para desfollatar, e fomos axudar.

Alí si que había millo! E como traballamos TODIÑAS as competencias mentras desfollatábamos!!!.

Mentras traballabamos @s nen@s falaban e axudábanse uns a outros. Eu escoitándoos non paraba de sorrir.

Transcripción de unha das conversacións:

Javier: A min a espiga non se me solta.
Saray: A ver cariño, mira para min. ¿Ves? hai que agarrar forte o follato e xirar a man.
Javier: E que a min non me sae.
Saray: Mira que te coñezo, o que ti non queres é traballar. Podes facelo ¡per fec ta men te!
Javi por fin consegue tirar o follato.
Saray: ¡¡Que ben , cariño!!!! ¡Fantástico!!! ¡¡¡Que ben o fixeches!!!
Javi, co peito para fora e a cara cuberta cun sorriso de mira que che digo contesta:
- E que eu son TAAn forte.....
e marcha correndo coa mazaroca na man a contarllelo aos outros. Saray queda mirando para el e di sospirando:
- Ai, que traballo dades!