miércoles, 11 de marzo de 2009

Aprendendo das avoas

Hoxe cando fomos a polo legón para traballar un pouco na veiga atopámonos cun problema: caía polo mango abaixo . Así non se podía cavar.

- ¿Pero que pasou aquí? ¿E agora que facemos?- dixen eu.
As ideas non faltaban:
- Clávalle unha punta.
- Facemos un feitizo.
- Collemos outro.
E outra proposta máis repetida:
- Méteo na auga!

Sentámonos na herba e organizamos a discusión, entón Noemi contounos que a súa avoa pasáballe iso moitas veces co sacho, entón metíao na auga e xa estaba solucionado.
Marta, Carliños, Elena... explicaron que eles tamén llo viran facer moitas veces ás súas avoas.

Decidimos probar e...funcionou!

Eu non estaba moi convencida. ¿Alguén fixo un feitizo?.

Non, non, dixo Noemi. Como o mango é de madeira si o metemos en auga incha, e entón xa non cae. A min contoumo a miña avoa. ¿Ti non o sabías?

¿De verdade?- dixen eu.

E Carliños e Noemi, moi ufanos, explicáronnos a tod@s, que a madeira seca encolle pero si lle botas auga incha, por iso agora o legón xa non se movía no mango ¡PORQUE A MADEIRA BEBERA AUGA E ESTABA INCHADA!

Como a Marta lle parecía que eu aínda non entendera ben díxome:

- Como aquel día que a porta non abría ben, ¿non te acordas?.¡Como chovera estaba inchada!

¡¡Hai que ver o que saben as avoas!!!!

No hay comentarios: